Brasóns Boucenses
A palabra brasón provén do alemán “blaseu”, tocar a trompeta, porque os cabaleiros tocábana cando se presentaban nas lizas dos antigos torneos, a fin de anunciar a súa chegada. Outros autores fana derivar do inglés “blase”, “to blase”, publicar; “a blaser”, pregoeiro. As tres palabras teñen relación sobre o mesmo e idéntico asunto, posto que o pregoeiro antes de falar advertía ó público coa súa trompeta; polo tanto describía en voz alta as armerías do cabaleiro que se presentaba para combater; chamábase a isto “brasonar”.
No libro de festas de 1998 xa se escribira sobre unha parte dos brasóns existentes na Vila de Bouzas. Redáctase neste artigo os restantes emblemas familiares que se conservan, aínda que no caso dos Sequeiros está tan erosionado polo paso do tempo que só pode adivíñarse as armas que contiñan.
No libro de festas de 1998 xa se escribira sobre unha parte dos brasóns existentes na Vila de Bouzas. Redáctase neste artigo os restantes emblemas familiares que se conservan, aínda que no caso dos Sequeiros está tan erosionado polo paso do tempo que só pode adivíñarse as armas que contiñan.
Os Ceta
Hai xa moitos, moitos anos chegou esta familia á comarca viguesa, tendo casa (tamén coñecida como a de “Fitado”) na praza olívica de Almeida facendo esquina coa rúa Real, conservándose en pé ata os nosos días sendo a más antiga da cidade. Recentemente restaurada xunto coa contigua de Pazos Figueroa, acolle no seu seo a sé do Instituto Camoes.
A familia Ceta establecida en Vigo ten a súa procedencia de Baiona tendo como tronco familiar a D. Pedro Yañez de Ceta e a súa dona Teodosia Silva de Romay, señores da casa-torre de Baiona en 1460.
Unha bisneta súa Dna. Inés Pérez de Ceta casada con D. Fernando Fitado de Aldao, funda en 1553 o convento de franciscanas coas súas fillas solteiras (Dna. Urraca, Dna Benita e Dna Maior) e outras de D. Rodrigo de Sequeiros -Sr. do pazo de Busteu-A Pastora-, que baixo a advocación da Nosa Señora dos Remedios, situábase no barrio do Areal. A Confraría da Misericordia da antiga ermida de S. Miguel de Bouzas é fundada en 1554 “para enterrar os mortos é os pobres como tamén para os enfermos que morresen na vila, nos seus arrabares e nas ferigresías” pola mesma Dna Inés. Tampouco sería de estrañar que a Confraría dos Remedios fose fundada pola mesma señora antes de 1564.
Outra Dna. Inés Pérez de Ceta Gómez, neta da anterior, aparece como propietaria da casa brasonada de Almeida e do seu enlace con D. Alvaro Méndez de Soutomaior en 1579 naceu Dna. Antonia Méndez de Soutomaior que casaría con D. Rodrigo de Romay, dono da casa-torre do Monte (Iria Flavia). Descendente destes é D. Rodrigo de Romay e Soutomaior, bautizado en 1647 e coengo en Santiago en 1690.
Nunha información de fidalguía realizada en Baiona ante o escribán D. Fernando Romay Junqueras en 1604, “os testigos declaran que os Pérez de Ceta ademais da casa xa citada tiñan outras en Coia e Bouzas”. A casa de Coia inexistente na actualidade, tiña un escudo cun só cuartel co símbolo dos Ceta, unha aguia rodeada das cinco flores de lís e cinco follas de figueira, tal e como relatan as testimuñas citadas. A de Bouzas, aínda existente na actual praza de Urzáiz, mantén a pedra armera cuarteada en cruz mostrando as alianzas familiares producidas por casamento, e contén no seu emblema heráldico as armas dos Ozores, Correa, Aldao e Ceta.
Da antigüidade da presencia da familia Ceta na vila de Bouzas, dá proba o feito de que en 1555 é xuíz de Bouzas o “moi nobre señor D. Alonso Pérez de Ceta”, constando así mesmo como apeador en 1565. No apeo do Casal de Roade dito xuíz consta con varias propiedades, entre elas unha casa onde mora coa súa muller Catalina Pérez. Aparece tamén como propietaria de varias vivendas no apeo da rúa de “baixo a Fonte”, Dna. Inés Pérez de Ceta.
D. Alonso debeu ser un dos primeiros xuíces existentes en Bouzas, pois posiblemente a carta fundacional da vila remontase ó ano 1501 cando o bispo de Tui, D. Pedro Beltrán e o seu Cabido dan liberdades e franquezas a tódolos que viñesen a poboar o lugar chamado de “Bouças”. Deste importante documento entresacamos o seguinte parágrafo:
“… Item mas le prometeron de les dar ey poner hun Juez en cada hun año el qual Juez ficese mandado en cada año en fin del e puesto en el dho lugar de bouças et que el tal Juez fuese sempre vecino e morador del dho lugar de bouças o de las camaras de coya e de corujo las quales camaras de coya e de corujo et los vezinos e moradores dellas fueren sugetos a la Jurisdiçion de la dha villa de bouças”.
A existencia dun xuiz de primeira instancia obrigaba a ter na vila un local como cárcere, como se comenta no documento, “ …Item que en el dho lugar de bouças fuese carcel e forca onde se pusesen e metiesen los malfechores…”
O devandito xuíz, fillo de D. Alvaro Pérez de Ceta (cobrador de rendas reás) e de Constanza Vázquez de Figueroa, debeu falecer en 1589 no segundo ataque que Drake realizou ás costas galegas. Así a súa partida de defunción ten asento nos libros parroquiales de Coia, “Alvaro Pérez de Ceta se fallesció en treinta días del mes de xuño do ano oitenta e nove, morreu a mans dos luterans”, confundido o fillo polo pai.
Sobriño do anterior é outro D.Alvaro Pérez de Ceta, capitán que funda en 1623 o casa de Baludio, que fora do Mosteiro de Santa Baia de Donas e establecer un morgado sobre a mesma. En 1617, o ataque “dunha escuadra de bateis piratas, mouros e turcos” ás nosas costas é repelido polo citado D. Alvaro coa súa compañía, obrigando ós atacantes a desistir do seu empeño de desembarco, non sen causar en Bouzas “cen mortos e douscentos prisioneiros”.
Pasados uns anos consta residindo en Bouzas, D. Manoel Antonio de Oia e Ceta casado con Dna. Isabel Felipa Miranda e Rivadeneira. O matrimonio aparece ingresando na Confraría de S. Antonio en 1702, ano en que foron mordomos confrarieiros aboando cincuenta reás como cota de entrada. Nos libros parroquiais boucenses figuran nove fillos e na relación de fillosdalgo solicitada en 1701 polo duque de Barbazón, Capitán Xeral de Galicia, inclúese o devandito. É xuíz de Bouzas en 1710. Segundo acta da Confraría do Sacramento de 23 de marzo de 1704 regala á parroquial un cofre de torneja con labores de marfil con pechadura e remates de bronce. Esta peza pérdese na invasión da armada inglesa ó mando do vicealmirante Michells de 1719. Este D. Manoel é posiblemente o mesmo que no recoñecemento de misas de 1731, manifesta que é veciño da vila e ten a obriga da mandar dicir media misa semanaria perpetuamente na capela de Nosa Sra. do Rosario.
Fillas descendentes desta rama familiar boucense ingresan no convento do Areal, sendo unha delas Dna. María Xosefa Teresa de Oia e Miranda (1777-1876) que se converte en abadesa.
Baltasar Veiga dinos que un irmán de D. Manuel Antonio de igual nome casado con Andrea Varela, é xuíz de Bouzas e avogado da Real Academia de Galicia.
Tamén teñen relación coa vila de Bouzas outros personaxes co mesmo patronímico:
- Miguel de Ceta, xuíz, tiña sepultura no altar maior da igrexa parroquial
- En 1681 era igualmente xuíz Gregorio Francisco Pérez de Ceta
- Xosé Antonio González de Ceta, que contrae matrimonio en Santo Tomé de Freixeiro en 1707 con Ana Domínguez do Vilar e Paredes bautizada en Santa Cristina de Lavadores en 1688. Tiveron tres fillos, sendo un deles Martín Ramón de Ceta que casa en Bouzas en 1750 con Anastasia Troncoso González, natural de Bouzas, filla lexítima de Xoán Antonio e María Antonia Mera
- No apeo e recoñecemento de misas pertencentes ó ano 1731 consta que Pedro Cordero, familiar do Santo Oficio e Aldonza Gómez de Ceta, a súa dona, veciños da vila de Bouzas, outorgaron testamento en 1652 (ante o escribán Xoán Cabral Valladares) e fundaron para sempre xamais unha misa semanaria tódolos venres e ante o altar maior. A esmola era de cento dez reás o ano sobre tódolos seus bens, especialmente sobre a casa que está no adro de dita igrexa. A copia da fundación foi presentada por Xacinto Pérez
- En 1756 é escribán de número do Concello de Bouzas, Pablo Mauro de Ceta. Un familiar aparece como firmante do traslado das constitucións da Confraría dos Remedios en 1716
- Consta tamén entre 1759 e 1761 como xuíz da vila de Bouzas D. Manoel Antonio de Ceta.
Os Fulgosio
Na rúa de Tomás A. Alonso no seu encontro coa Alameda no número 297 e ós pés da airosa Araucaria localízase a sólida casona co emblema da familia Fulgosio. Nun dos panos da vivenda encóntrase o brasón familiar. Nos escudos partidos, como é o caso, utilízase só para poñer nos seus dous cuarteis as armas paternas e maternas ou do marido e muller, colocando as paternas no lado destro (franxas horizontais dos Fulgosio) e as maternas ou as da muller, no lado sinistro (flores de lis dos Carasa). Baltasar Veiga en cambio nos fala das flores delisadas dos Fulgosio, polo que é posible que o brasón non corresponda exactamente coas liñaxes mencionadas, e sí cunha variante brasonada da galeguización do apelido Folgoso.
Do primeiro personaxe do que temos noticia con este apelido é D. Francisco Xabier Fulgosio Villavicencio casado con Ana Carasa Pardo de Andrade. Na súa carreira militar chegou a ser Mariscal de Campo, ademais de Gobernador de Cataluña, constando na súa folla de servicios once ascensos por méritos de guerra desde 1780 a 1814, actuando na Guerra da Independencia.
D. Franscisco Fulgosio, ten do seu matrimonio a D. Fernando Alfonso Fulgosio Carasa. Naceu en Madrid en 1831, pertencendo ó Corpo de Arquiveiros e Bibliotecarios. A súa obra impresa é extensa, pois contribúe a escribir a “Crónica xeral de España”, historia ilustrada e descritiva das súas provincias, poboacións, o seus homes célebres e apoloxías das familias notables, correndo ó seu cargo a descripción das provincias de Avila, Baleares, Tarragona, Valladolid, Zamora , A Coruña, Ourense, Pontevedra e Filipinas. Ademais escribiu as novelas “A última señora de Insua”, “Unha mata de fento” e “Alfonso. Recordos de Galicia”, premiada pola Real Academia Española, e os ensaios “Novelas e Lendas”, “Recordos de Galicia”, “O Castelo do marqués de Mos de Soutomaior”, “Apuntes para a historia de Galicia”, “As nosas loitas civís”, e outros máis que non citamos. Colaborou en periódicos e revistas de renome como “A Época”, “O Bazar”, “O Mundo Universal”, “A Ilustración Española e Americana”, … deixando escrita unha zarzuela “Pedro Madruga” á que puxo música o mestre Marcial del Adalid (1826-1881).
Polas súas relacións coa aristocracia foi Mordomo de Semana da raíña Isabel II e nomeado cabaleiro das Ordes de Carlos III e de San Xoán de Xerusalén. Sobriño e herdeiro universal dos bens de Xosefa Ballesteros Carasa, esposa que foi de D. Bernardo González del Valle, “Cachamuiña” (1771-1848).
Os seus primeiros encontros con Bouzas, son a través do escritor olívico D. Luis Taboada, que ó ser preguntado por D. Fernando sobre un pobo tranquilo onde escribir e onde el fora o único cabaleiro de levita e bastón, Taboada recoméndalle a vila mariñeira.
Fenece en Ourense o 22 de outubro de 1873 e a súa viúva Dna. Eloísa Borry Saiz de Tejada fai presencia en Bouzas en 1874, residindo na vila en 1892 onde edifica a casona familiar na que moitas tardes de verán concorrían ás tertulias os personaxes da época como D. Gabino Bugallal e a súa esposa Cristina Fajardo; o tamén ministro Espada; Dna. María Requejo, marquesa viúva de Vega de Armijo; Dna. Clara del Río e o seu marido Sr. Pascual, adiñeirado posuidor de bens en Cuba; o Conde da Pastora; o xeneral León, gobernador de Vigo; D. Xoán Araujo, escribán de Bouzas; o director do “Faro de Vigo”, Angel Lema, entre outros.
O labor parroquial de Dna. Eloísa é ben elocuente. Profesora de piano, formou o primeiro coro feminino boucense e a súa “Confraternidade de Camareiras de Xesús Sacramentado”, adquiriu sona máis alá da freguesía ó confeccionar e subministrar panos e ornamentos de altar e culto do Santísimo Sacramento ás igrexas que deles carecían, como a de Atios, Angoares, Mos, Oia ou o convento de monxas benedictinas da Guarda.
É herdeira do seu quefacer parroquial a súa filla Dna. Carme Fulgosio Borry que nace en Ourense o 31 de agosto de 1873.
Durante bastantes anos Carme foi irmá maior da Arquiconfraría Compostelá de Santiago Apóstolo, presidenta da Congregación das Fillas de María e do Apostolado da Oración. Igual ca súa nai, seguiu dando leccións de coro a máis de tres xeracións de mulleres boucenses. En 1915 fíxose cargo da presidencia da Confraría da Nosa Señora do Carme, ostentando a mesma ata o seu falecemento. A mensualidade do recibo confrarieiro tiña como cota un real ó mes, e con tan exigua contía o 16 de xullo de cada ano celebrábase con solemnidade a festividade da Virxe do Carme. En 1955 a Confraría engrandécese ó integrarse os patróns da flota pesqueira establecendo una cota mensual de 5 pesetas, chegando a contar a irmandade con seiscentos confrades.
Ese mesmo ano, a Confraría organiza unha homenaxe á súa eterna e máxima rectora conseguíndose gran número de obxectos e donativos en metálico que sumaron 9000 pesetas. Ó ano seguinte a Confraría obtén o primeiro premio nacional “Virxe do Carme”, de 8000 pesetas que se deixaron en mans de Dna. Carme.
O seu óbito ocorre o 8 de decembro de 1958 e pola súa falta de recursos houbo que sacar dos fondos confrarieiros que ela mesma custodiaba 2000 pesetas, para dar sepultura ós seus restos mortais que descansan no cemiterio de Bouzas.
A casa brasonada pasou a mans de familia Freire que a mantén na actualidade.
Os Sequeiros-Benavides
Os libros de bautizados de Bouzas non acadan o nacemento de D. Rodrigo de Benavides e Soutomaior pero os volumes parroquiais e consistoriais reséñanos parte da súa executoria, vinculada sempre ó servicio municipal.
Foi rexedor case initerrumpidamente entre 1599 a 1612 e tenente de xuíz polo menos nos anos 1600, 1606, 1607, 1608 y 1612.
Como expoñente do seu labor municipal, en 1607 entregáronselle en garda 400 ducados dos fondos consistoriais “por causa do inimigo que estivo nesta vila”.
En 1611 actuou nas deliberacións da composición das pontes do Miñor e Gondomar, co compromiso de Bouzas de axudar ó arranxo con 100 ducados. Por orde do Gobernador do Reino de Galicia foi encargado de entregar en man ó alférez D. Diego de Cuenca, 257 reás dimanantes dun mariñeiro desertor da Real Armada.
Asumindo funcións de tesoureiro municipal recibiu D. Rodrigo 300 reais do alférez Fidalgo por socorro anteriormente outorgado pola vila á compañía do capitán D. Diego Quiñones que estivo aloxada en Bouzas en 1606. En abril de 1609 xestiona e consegue da Real Audiencia de Galicia sacar da vila boucense á compañía do capitán Orlando que producía gastos ó Concello.
A súa xenerosidade é evidente en referencias das actas municipais; así en 1608 presta 200 reás para adquirir trigo e centeo en época de necesidade da vila. En 1609 anticipa 132 reás ás arcas municipais para atender os gastos do preito das alcabalas, repetindo con 100 máis para aboar os réditos de 2000 que o Concello se comprometera a aboar polos custos do mencionado litixio.
O preito das alcabalas foi promovido pola compra do dereito de tributos de Bouzas por D. Lope Sarmiento de Acuña, -fillo do Conde de Gondomar-, como consecuencia das mercedes que a corte de Felipe II concedía ós nobres vendendo prebendas a cambio de caudais. A vila preiteou para lograr a restitución das súas gabelas a través de D. Rodrigo como valedor das súas reivindicacións. Consecuente co seu cometido desprázase a Tui o 19 de agosto de 1609 para conseguir do bispo Prudencio de Sandoval un préstamo de 100 ducados. No seu retorno da viaxe pasa polo Val Miñor conseguindo apoio económico dos veciños incursos nas consecuencias abusivas do mesmo litixio. Investiu seis días na xestión e “en cada un cabalgou tres cabalgaduras” gastando entre xornadas e letrados 13 ducados. O 26 de outubro fai un novo desprazamento á capital da diócese acompañado neste caso polo capitán D. Xoán de Oia Ozores –rexedor de Bouzas- gastando en tres días, 20 reás “nas súas persoas, mozos e cabalgaduras”.
D. Rodrigo de Benavides debeu ser terratenente pois en 1610 reséñase vendendo 11 pipas de viño, e tamén consta dedicarse ó pequeno comercio do congro cecial aboando por ambos conceptos 50 reás ó Consistorio.
Ó morrer instituíu un foro litúrxico sobre a horta “da Calzada”, consistente en 5 ferrados de trigo; tres os curas por un responso cantado todos os lúns do ano, e os outros dous ós mordomos da Confraría das Ánimas, ante a súa sepultura. Este foro foi pagado sucesivamente ata 1843 por Dionisio Vizoso, Francisco Rodríguez, Mª da Fonte e Xosé Barreiro.
A casa matriz dos Sequeiros boucenses debeu radicar na rúa de Sta. Ana, pois unha nota do libro da Confraría dos Remedios fala dunha casa alta pertencente á familia con este apelido.
D. Rodrigo estivo casado con María de Sequeiros que lle sobreviviu, tendo dous fillos; D. Benito de Sequeiros, avogado da Real Audiencia de Galicia, que casa en Bouzas en 1683 coa súa parente, Dna. Ana de Sequeiros; e D. Francisco de Sequeiros e Soutomaior, do que falamos seguidamente.
No capítulo 1º do libro VI da historia da orde agustina en Salamanca dí que D. Franscisco de Sequeiros proviña de familia de acendrada nobreza, de presencia airosa, bizarro, xeneroso, enérxico e de claro e despexado entendemento. Debeu pasar a súa infancia e xuventude na vila mariñeira, sentíndose inclinado ó estudio das artes. Decide ingresar na Orde de San Agustín, recibindo o hábito en 1657, e a súa matrícula de Sagrada Teoloxía aparece reseñada no curso 1657-58. En 1671 consegue a cátedra de Santo Tomás da Universidade de Alcalá e posteriormente en 1683 a de Vésperas.
O monarca reinante entón en España, Carlos II, noméao en 1686 o seu predicador real, presentándoo para o Bispado de Cassano, no Reino de Nápoles.
A súa obra “Impugnationem Proposotionem Clerici Gallicani Eclesiastica Potestate”, en cuxo texto non só defendía a infalibilidade do Papa en materias de fe e de costumes, senón a potestade de depoñer ós reis; fanlle merecedor para que Inocencio XI o honra co título de Valedor da Igrexa Católica. Publicou ademais “Sermón de corenta horas” e seguidamente “San Agustín na Oratoria Sagrada” (1671). A súa cuarta obra “Pareceres” sobre doutrina eclesiástica debe permanecer aínda manuscrita.
A súa acción caritativa á fronte do Bispado de Cassano viuse favorecida cando o Vicerrei de Nápoles, D. Gaspar de Haro e Guzmán, marqués de Liche, confíalle, á súa morte, o nomeamento de executor testamentario e o libre manexo dos seus cuantiosos bens.
Levaba cinco anos en Italia cando unha grave enfermidade fai que se retire ó convento de P.P. Recoletos da súa Orde situado a unha legua de Nápoles, non recuperándose da súa doenza e falecendo o 1 de maio de 1691, recibindo sepultura na capela de S. Nicolás do Colexio Agustino da Esperanza de Nápoles.
A noticia do seu óbito chega a Bouzas, rexistrándose no libro confrarial de S. Antonio en xuño de 1693, ofrecéndolle un solemne funeral no que se gastaron catro libras de cera; constando escrito que “o Ilmo. Sr. D. Francisco de Sequeiros e Soutomaior, Bispo de Cassano, natural de Bouzas, deu pola súa devoción á Confraría de S. Antonio, incluída na parroquia da vila, un cáliz coa súa patena, sobredourados pola parte interior; dúas casulas co seu frontal e bolsas de corporais, de tea de brocatel cos seus encaixes de ouro”.
Pasados uns anos figura como natural e veciño de Bouzas, D. Ramón María Silva Morales Sequeiros e Benavides, capitán do Rexemento Provincial de Santiago de Compostela.
En 1784 a misiva remitida ó bispo de Tui D. Domingo Fernández Angulo na que expón o seu dereito a seguir colocando un banco “no mesmo sitio onde sempre estivo”, expón o seu parentesco e antecesores “por seren benfeitores de dita igrexa, e en particular os seus tíos, o Ilmo. Sr. D. Fra Francisco Sequeiros, Bispo de Cassano, e D. Ramón Morales, abade de San Xoán de Calo, no arquiprestado de Santiago”.
En 1790 aínda vivía pois querélase contra o fidalgo D. Xacobe de Taboada e Arze, por maltratar ós seus criados cando estes levaban a cea ós que estaban vendimando na súa granxa das Travesas.
É curioso que o noso coñecemento deste persoeiro veña dado polo seu finamento pois tiña a súa tumba no corpo da igrexa. Tal e como describe Xusto Fdez. Fandiño en “Bouzas. Historia da Vila”, “… entre a porta sur, ou travesa, e a pila da auga bendita, en la pilastra da terceira arcada, e enfronte a esta, háchase a sepultura de D. Ramón María Silva e Sequeiros, cun belo escudo de armas primorosamente esculpido na lousa sepulcral.”
O campo desta pedra armeira é cuartelada en cruz coas seguintes armas: 1º.Pereira, 2º.¿?, 3º.Valadares e 4º.Sequeiros. Descoñecemos a simboloxía do segundo cuartel tal e como a representa Fandiño, pois Espinosa na representación da mesma pedra armeira figuran as armas dos Troncoso. Coa reforma do chan da igrexa hai uns cincoenta anos, empotrouse no muro do adro enfronte da oliveira cuadricentenaria, non observándose xa as liñaxes que contiña. Costa crer que neses poucos anos a destrucción do brasón pola erosión atmosférica fose tan rápida, a non ser que a súa permanencia na igrexa fose a ras do chan, provocándolle un desgaste polo tránsito das persoas sobre a súa superficie. Chama a atención a colocación do helmo ollando á parte sinistra -dereita segundo se observa-, o que nos vén a indicar a súa orixe bastarda.
A relación xenealóxica entre os Sequeiros-Benavides boucenses cos do mesmo apelido do Pazo da Pastora de Freixeiro resúltanos descoñecidos, pero curioso é que un fillo desta casa, Fra Francisco de Soutomaior (Sequeiros Benavides) ó facer testamento en Quito en 1630 diga “…Quero e é miña vontade que esta cantidade de alimentos se reparta entre estudiantes pobres da Vila de Vigo e da Vila de Bouzas…” (Xosé Espinosa Rodríguez. “Terra de Fragoso”).
Outros boucenses dos que temos constancia cos mesmos patronímicos:
- Antonia de Benavides, falecida o 14 de marzo de 1684
- Domingo de Benavides, que en 1690 envía desde Cádiz 330 reás
- Xácome de Benavides, que no reparto de tributos de 1639 figura con seis reás y foi Procurador Xeral
- Francisco de Benavides Ponce de León, que desempeña o cargo de canónico de SIC de Ourense
- Francisco de Benavides Ponce de León, membro familiar do anterior, foi en 1684, abade de San Pedro de Sárdoma
- Francisco de Sequeiros, veciño de Bouzas, é nomeado apeador para a demarcación dos bens do Sr. Bispo de Tui en 1565
- Xoán Antonio de Benavides, bautizado en Bouzas o 31.XII.1702, consta como xuíz ordinario da Vila en 1739 e 1749. Os seus pais Domingo de Benavides e Xosefa de Araujo
- María Antonia de Benavides e Araujo, irmá do anterior, bautizada en Bouzas o 11.IX.1701
- Pedro Antonio de Benavides Romay Ponce de León, casa en Bouzas con Xuliana Ozores e Soutomaior, no primeiro cuarto do século XVIII
- Xacinta María de Sequeiros e Soutomaior, veciña de Santiago. O seu mordomo Francisco Rivas abonou de 1821 a 1842 foro litúrxico boucense que despois pagou D. Ramón María de Silva e Sequeiros
- Xoán Antonio Benavides, declara en 1817 por Decreto do xuíz Real e Ordinario da Vila de Bouzas, D. Caietano Parada Pérez de Limia, que posúe parte da viña e toxal no sitio que chaman “da Cerca”, no areal de Coia. É foro do Sr. barón de Casa Goda
- Benito de Sequeiros, que en 1862 fai donación de determinados ornamentos para a festividade do Corpus Christi.
X.P.V./F.R.V.
Fontes documentais:
Arquivo Baltasar Veiga.
Xosé Espinosa Rdguez. “Tierra do Fragoso”.
Xusto Fdez. Fandiño. “Bouzas.Historia da vila”.
Xoán Miguel Glez. Fdez. “Bouzas e outros xulgados galegos del S. XVIII”.
X.S. Crespo del Pozo. “Brasóns y Linaxes de Galicia”.
Xulio A. Gregorio-Espino. “Notas xenealóxicas viguesas”.